Declaración cidadá
na defensa da necrópole megalítica da Mourela
O presente documento pretende ser unha ferramenta social na defensa
do Círculo Lítico da Mourela, nas Pontes de García
Rodríguez, debido ao paso do trazado da AG-64 Ferrol-Vilalba
por riba deste elemento patrimonial.
A lexislación actual contempla os dereitos e os deberes dos cidadáns
en materia de conservación e defensa do patrimonio, por isto
e facendo uso deste poder social, as diferentes persoas abaixo relacionadas,
queren manifestar por medio desta declaración, a súa repulsa
á destrucción do círculo lítico e o seu
apoio ás alternativas e propostas plantexadas:
A construcción dun túnel que evite a destrucción
da necrópole e o seu estudo, reconstrucción e posta en
valor.
A construcción dun túnel
A solución mantida pola actual Consellería de Política
Territorial, pasa pola construcción dunha trincheira de máis
de 50 metros de profundidade no lugar da Mourela. O impacto visual que
isto tería na zona sería brutal, por non falar da desestructuración
e fragmentación que se producirían nun conxunto formado
por tres mámoas. A alternativa proposta non só minimizaría
o impacto arqueolóxico do conxunto megalítico senón
que ademais permitiría realizar un estudo e posta en valor minuciosos
do lugar, pródigo en restos prehistóricos.
O cálculo técnico e económico encargado polas nosas
organizacións a un equipo técnico profesional, revela
que o gasto de execución do túnel, encadraríase
perfectamente dentro do marxe presupuestario que determina a Lei de
Contratación das Administracións Públicas, a cal
establece un incremento máximo de ata un 10% sobre o presuposto
total do tramo e que neste caso suporía só un 5,3%, co
que se atoparía dentro do marxe legal autorizado.
Todo isto nun momento no que toda a arqueoloxía galega ten os
seus ollos depositados nas escavacións da Mourela, pois os datos
que estas investigacións proporcionarán, servirán
con toda probabilidade para definir un anaco máis da Prehistoria
galega e como non das nosas orixes primitivas.
Cabe apuntar tamén que aló polo ano 2001 decidiuse construir
un túnel baixo o Castro de Montealegre no concello do Morrazo,
debido á execución da autovía, no canto dunha trincheira
como a proxectada na Mourela que puña en perigo a integridade
deste ben patrimonial. Neste caso a presión social tamén
foi decisiva para a construcción do túnel. Logo, os antecedentes
existen, o reclamo social existe, os medios técnicos e económicos
existen, e a razón reclama cordura.
A reconstrucción do pasado
Diferentes investigadores e arqueólogos galegos consultados apuntan
hacia a etnoarqueoloxía como a metodoloxía fundamental
para afrontar unha reconstrucción in-situ do círculo lítico
maior da Mourela. Todos coinciden na viabilidade dun proxecto destas
características e apuntan hacia unha posíbel reestructuración
da paisaxe do entorno, profundamente degradado pola actividade industrial
do polígono dos Airíos.
A proposta non é nova, existen tamén antecedentes de reconstruccións
de monumentos noutros lugares do mundo e incluso de círculos
líticos, nas illas británicas e na bretaña francesa.
Ademais contamos coa referencia fotográfica de Maciñeira,
que aló polo ano 1900 retrata un estado semialterado do círculo
lítico maior e que podería axudar a definir unha reconstrucción
parcial da estructura. Esta proposta é secundada amplamente por
diferentes investigadores e profesionais da arqueoloxía en Galiza,
e ven a por de manifesto a existencia dunha segunda alternativa á
destrucción do conxunto megalítico, medrando así
ainda máis a sinrazón da execución da sentenza.
As persoas asinantes cremos na viabilidade das alternativas plantexadas
e na necesidade da súa execución, polo que demandamos
das administracións competentes (Consellería de Política
Territorial, Consellería de Cultura e Concello das Pontes), a
sensibilidade suficiente como para evitar por en perigo a perda da nosa
identidade.
Confiados de que a suma das sinaturas deste documento sexan representación
suficiente da vontade popular galega, manifestada na defensa da necrópole
da Mourela, facemos do SOS Mourela un berro de dignidade.